lunes, 25 de mayo de 2009

FESTAS DO PATRÓN





FESTAS DO PATRÓN

Baixo un ceo enfeitizado
polos refreixos da aurora,
nos montes da miña aldea
con pinceis do arco da vella
pinta encaixes violados
á luz do Astro Rei que asoma.


Na cima do campanario
da igrexiña do lugar,
fachendoso o sacristán
as campás a repicar
e os estalos dos foguetes
polo ceo a rebrincar.


A banda toca á alborada
polos camiños do pobo,
de diante vai o mordomo
camiñando de vagar,
á súa beira o fogueteiro
ceiba fogos sen parar.


Os nenos moi espelidos
ben lavados , ben vestidos,
novos zapatos e roupa,
rebrincan, corren e choutan
tra-las canas dos foguetes
que ó estoupar caen ó chan.


Canta ledicia hai na xente...!
Qué faenas nas lareiras...!
Qué remexer de tarteiras...!
Mulleres atarefadas
adobían empanadas
para a cea destinadas.


Paseniño, na lareira
arden torgos das uceiras
para mante-lo lume vivo,
das pitelas de carballo
no trasfugueiro apoiadas
bailan lixeiras as chamas.


Polo lume acariñados,
pucheiros acumulados
de cacheira e de xamón,
de chourizos e lacóns,
de pulpo e de vitela...
seus arrecendos espallan.


Alá polo tres de agosto,
teño de ir ás festas de Untes
e bailar no folión,
son días moi especiais,
son as festas do Patrón

SAN ESTEVIÑO GLORIOSO!

miércoles, 6 de mayo de 2009

Muller Labrega




Dende o mencer ata a noite
as mulleres de Galicia,
van facendo ano tras ano
rudos traballos de home.
Van arando e sementando,
cavando a horta cóa eixada,
sachan, sulfatan, arxonan,
rozan toxo, apañan herba,
cargan o carro coas gallas...
Ó voltar polo camiño
diante do carro de bois,
cóa aguillada na man,
tran arrecendo de estrugas,
de toxos e xestas murchas...
Tripando a lama cos zocos
e cóas costas eslombadas,
pensan nas duras tarefas
que as agardan na súa casa
destinadas tamén as mulleres.
Cociñar, lavar, fregar,
coidar os fillos e enfermos,
remendar, pasar o ferro,
amasar, cocer o pan,
acomodar a facenda...
¡ E en acabando a xornada
volta de novo a empezar!
Mulleres traballadoras,
mulleres escravas,
campesiñas , labradoras,
boas nais, fillas e mulleres;
a vosa fe e fortaleza
son cadieiros de esperanza
que acenden lumeiriñas
por entremedias das penas.
Sodes vellas como o mundo,
fillas da terra "Galega"
conservadoras da Lingua
da cultura e tradicións.
¡Voso traballo mulleres,
non remata endexamais!

O Gaiteiro




Anda o gaiteiro na aldea

aínda que eu non o vin

os sons doces, garuleiros

da súa gaita sentín.

Gaitiña, gaita galega

alma musical da terra,

polos camiños do vento

chegas de lonxe, xemendo.

No teu fol, gaita grileira,

ferven notas a cachón,

na gaiola do punteiro,

máxicas maus de gaiteiro

fían fermosas cancións.

No ergueito roncón, de buxo,

do farrapo pendurados,

sorrisos levas de mozas,

señardades e salaios.

Toca esa gaita, gaiteiro!

que cando te oio tocar,

esas meiguiñas muiñeiras,

espertan meus soños ledos

da miña edade primeira;

da mocedade, trouleos,

de vendimas e esfolladas,

de magostos, de fiadeiros...

festiñas da miña aldea.