jueves, 18 de junio de 2009

Labrador





Son un pobre campesiño
honrado, labrego eu son
e teño como destiño
de compañeiro un legón.

No inverno móllame a chuvia
chamúscame os sol en Agosto
pasarei tódala vida
tripando terróns cos zocos.

Cando o día está a espertar
e o luceiro ainda alumea,
dun pulo chouto do leito
e vístome moi lixeiro.

Boto unha xarapelada
de auga pola faciana,
como un panciño de millo,
de caña, tomo un groliño.

Xungo os bois, voume pra arada
a cumprir cos meus deberes,
coa incertidume de sempre
se colleitarei boa anada.

As pingas da miña suor
a terra danlle lentura,
vou sementando nos sucos
soidades e amarguras.

Teño as costas eslombadas
dobregadas sobre os regos,
polo longo das xornadas,
polo duro dos trafegos.
As maus teño encalecidas
de apreixar forte na eixada,
vivo entre esterco e miseria
nunha casa pobre e honrada.

Tódolos días do ano
traballo sen descansar,
con chuvia, vento ou calor
xunguido sempre a gadaña.

Mudo os zocos e a camisa,
para por un traxe novo
cando hai enterro no pobo,
para ir a festa ou a misa.

Xa alumean as estrelas
cando me deito na cama,
con arrecendos de terra,
de toxos, fentos e palla.

Sen poder pecha-los ollos
de tristura e mágoas cheo,
esnicrado de alma e corpo
laiándome estou o ceo.

¡ Que moura é esta miña vida!
¡Que mezquiño o meu destino!