
Anda o gaiteiro na aldea
aínda que eu non o vin
os sons doces, garuleiros
da súa gaita sentín.
Gaitiña, gaita galega
alma musical da terra,
polos camiños do vento
chegas de lonxe, xemendo.
No teu fol, gaita grileira,
ferven notas a cachón,
na gaiola do punteiro,
máxicas maus de gaiteiro
fían fermosas cancións.
No ergueito roncón, de buxo,
do farrapo pendurados,
sorrisos levas de mozas,
señardades e salaios.
Toca esa gaita, gaiteiro!
que cando te oio tocar,
esas meiguiñas muiñeiras,
espertan meus soños ledos
da miña edade primeira;
da mocedade, trouleos,
de vendimas e esfolladas,
de magostos, de fiadeiros...
festiñas da miña aldea.
No hay comentarios:
Publicar un comentario