jueves, 18 de junio de 2009

Labrador





Son un pobre campesiño
honrado, labrego eu son
e teño como destiño
de compañeiro un legón.

No inverno móllame a chuvia
chamúscame os sol en Agosto
pasarei tódala vida
tripando terróns cos zocos.

Cando o día está a espertar
e o luceiro ainda alumea,
dun pulo chouto do leito
e vístome moi lixeiro.

Boto unha xarapelada
de auga pola faciana,
como un panciño de millo,
de caña, tomo un groliño.

Xungo os bois, voume pra arada
a cumprir cos meus deberes,
coa incertidume de sempre
se colleitarei boa anada.

As pingas da miña suor
a terra danlle lentura,
vou sementando nos sucos
soidades e amarguras.

Teño as costas eslombadas
dobregadas sobre os regos,
polo longo das xornadas,
polo duro dos trafegos.
As maus teño encalecidas
de apreixar forte na eixada,
vivo entre esterco e miseria
nunha casa pobre e honrada.

Tódolos días do ano
traballo sen descansar,
con chuvia, vento ou calor
xunguido sempre a gadaña.

Mudo os zocos e a camisa,
para por un traxe novo
cando hai enterro no pobo,
para ir a festa ou a misa.

Xa alumean as estrelas
cando me deito na cama,
con arrecendos de terra,
de toxos, fentos e palla.

Sen poder pecha-los ollos
de tristura e mágoas cheo,
esnicrado de alma e corpo
laiándome estou o ceo.

¡ Que moura é esta miña vida!
¡Que mezquiño o meu destino!

2 comentarios:

  1. Cantos recordos me trae a palabra labrego. Mais coido que cada vez entra máis no eido da etnografía, pois o mundo xira moi depresa.
    Como a canción de Luigi Tenco:
    A baleira estrada, branca como o sal. O gran que ten que medrar, os campos que hai que arar. Mirar cada día se chove ou sae o sol, para saber se mañá vívese ou morremos, e un belo día dicir basta e irse. Andar rápido para ir a outro mundo Dicir adeus ao patio. Andar soñando por mil estradas grises como o fume. Nun mundo de luces sentirse anónimo. Brincar cen anos nun só día, dos carros do campo ao avión no ceo. Adeus amor, adeus.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Éncheme de ledicia, ver este poema. Recordar a meu pai con fondura de terra, labrego, cos ollos máis bonitos do mundo. Bicos de cores

    ResponderEliminar