lunes, 25 de mayo de 2009

FESTAS DO PATRÓN





FESTAS DO PATRÓN

Baixo un ceo enfeitizado
polos refreixos da aurora,
nos montes da miña aldea
con pinceis do arco da vella
pinta encaixes violados
á luz do Astro Rei que asoma.


Na cima do campanario
da igrexiña do lugar,
fachendoso o sacristán
as campás a repicar
e os estalos dos foguetes
polo ceo a rebrincar.


A banda toca á alborada
polos camiños do pobo,
de diante vai o mordomo
camiñando de vagar,
á súa beira o fogueteiro
ceiba fogos sen parar.


Os nenos moi espelidos
ben lavados , ben vestidos,
novos zapatos e roupa,
rebrincan, corren e choutan
tra-las canas dos foguetes
que ó estoupar caen ó chan.


Canta ledicia hai na xente...!
Qué faenas nas lareiras...!
Qué remexer de tarteiras...!
Mulleres atarefadas
adobían empanadas
para a cea destinadas.


Paseniño, na lareira
arden torgos das uceiras
para mante-lo lume vivo,
das pitelas de carballo
no trasfugueiro apoiadas
bailan lixeiras as chamas.


Polo lume acariñados,
pucheiros acumulados
de cacheira e de xamón,
de chourizos e lacóns,
de pulpo e de vitela...
seus arrecendos espallan.


Alá polo tres de agosto,
teño de ir ás festas de Untes
e bailar no folión,
son días moi especiais,
son as festas do Patrón

SAN ESTEVIÑO GLORIOSO!

1 comentario:

  1. Un fermoso poema Pepita. Xa sabes que os teus poemas sempre son embriagadores e cheos de maxia e ledicia. Unha aperta. Brétema.

    ResponderEliminar